12 jun. 2012

O novo servizo de correo da Consellería de Educación

Para os que teñades problemas co uso do servizo de correo electrónico da Consellería de Educación deixamos aquí un manual elaborado pola propia Consellería para aclarar posibles dúbidas.
Manual webmail
 
Se queredes ou necesitades cambiar o contrasinal da vosa conta deberedes acceder a https://www.edu.xunta.es/contausuario/

24 abr. 2012

Un uso non habitual para a folla de cálculo

Podemos aproveitar unha folla de cálculo para insertar diferentes fotografías dos noso alumnado e facer a clásica folla coas fotografías de toda unha clase. Algo ben sinxelo para o que só precisamos unha cámara de fotografar e despois de ter as fotos feitas e ver este titorial creo que seremos quen de facer a montaxeque falamos. Aquí vai explicado.

26 mar. 2012

Integrar materiais didácticos na Aula Virtual (Moodle)

Deixamos aquí un titorial elaborado polo Departamento de Tecnoloxía do IES Leiras Pulpeiro, concretamente por Xabier Díaz Fernández,sobre o manexo básico de Moodle, sinxelo e pensamos que moi útil.


21 mar. 2012

Crear un menú no noso blog

Moitos usuarios dos blogs estamos interesados na creación dun menú - e mesmo submenús-- na cabeceira do blog para lle facilitar a navegación no mesmo aos posibles visitantes.
Diagamos que se trata dun proceso entretido e que imos explicar co apoio dun vídeo dun internauta mexicano que veredes nesta entrada.
Previa a visión do vídeo aconsellamos:
1º.- Como o menú vai ser para levarnos ás entradas previamente elaboradas por nós, estas deben estar etiquetadas dun xeito coherente.
2º.- Antes de meternos a facer calquera innovación no noso blog, deberíamos facer a proba nun "blog de probas". Se metemos a zoca non perdemos nada. ( Crear un blog de probas para uso exclusivamente persoal e aprender a facer o que despois queremos levar ao noso blog "oficial" é unha práctica protectora excelente e diríamos que inexcusable)
3º.- Como imos traballar coa plantilla "html" antes de facer calquera modificación hai que facer unha copia de seguridade. No caso de errar no proceso temos a seguridade de ter a plantilla tal e como estaba antes de andar trebellando nela.
Agora xa podemos ver o vídeo


14 mar. 2012

O futuro que xa é presente

Aínda que ás veces dá a impresión de que son as prácticas do pasado as que predominan nun sector do mundo do ensino, hai un grupo cada vez maior de docentes que entenden que o que a sociedade demanda da escola é a formación de futuros cidadáns autónomos, independentes, críticos e adaptados a un entorno onde a capacitación dixital ocupa cada vez maiores espazos.
Vén isto a conto por dúas novas --unha do diario "El País" e outra da "Voz de Galicia"-- nas que se reflicte este continuo avance tecnolóxico.
A moi ilustre Enciclopedia Británica, despois de case douscentos cincuenta anos editando a citada Enciclopedia, anuncia que deixa a publicación en papel para centrarse exclusivamente no soporte dixital. A noticia tédela aquí e podedes vós mesmos tirar conclusións.
Por outra banda a propia USC leva uns anos catalagondo e rexistrando os recursos literarios na rede, no que non esquecen o propio teatro popular na rede - experiencia na que andan metidos por terras de Boiro.
Podemos seguir pechando os ollos, erguendo muros e dándolle as costas as Tics, pero están aí, mellor dito témolas aquí. Por metérmonos debaixo dunha mesa e pechar os ollos non van desparecer. Somos educadores das novas xeracións. É obriga coñecer as ferramentas, é obriga manexalas, e é obriga , vai sendo hora, de practicar unha pedagoxía activa cunha metodoloxía onde o alumnado sexa o propio motor da súa aprendizaxe.
A fotografía é a propia que aparece no diario El País ilustrando a noticia.

13 mar. 2012

Sobre a fobia ás novas tecnoloxías

No blog Douspuntocero que nos achega á Orientadora do noso centro, aparerce recollida esta entrevista con Isidro Vidal e na que, independentemente da contextualización da mesma, reflíctense algunhas reflexións sobre a tecnofobia e á imposibilidade de vivir de costas a un feito que está aquí entre nós, guste ou non, que son as TICS
Entrevista en el periódico Escuela

21 ene. 2012

Formularios autocualificables

Somos dos que aproveitamos as posibilidades que Google Docs nos ofrece como ferramenta de traballo nas aulas.
E buscando na rede demos con este blog de Antonio Garrido, compañeiro do CeP Alcázar de San Juan (Cidade Real) no que nesta entrada explica dun xeito claro a posibilidade de facermos cuestionarios --formularios-- autocualificables- con Flubaroo.com
Como está moi claro, e é máis fácil do que nun principio podería parecer e ademais facilita o traballo, pois deixamos o enlace. Nada máis hai que seguir os pasos.

12 ene. 2012

Para reflexionar

Esta viñeta do blog innoveison, aínda que vella e coñecida pode servir como inicio dunha boa reflexión sobre tics, ensino, prexuízos,...

8 ene. 2012

Educación e Novas Tecnoloxías

A integración das Tics na práctica educativa é un proceso que pouco e pouco se está a levar adiante na escola galega. Cabe preguntármonos onde estamos e cara onde imos.
A dotación de equipos informáticos, instalación de encerados dixitais, proxectores, creación de redes,… é algo ao que xa non é alleo o mundo educativo. Mal que ben, temos unha dotación, seguramente non óptima, pero si suficiente, para dar os primeiros pasos neste camiño cara á integración das Tics. Hai ferramentas.
Por outra parte, o profesorado, inicialmente reservado e medorento no uso das novas Tecnoloxías empeza a ver as posibilidades que estas ofrecen, e de xeito exponencial, incorpóranse a proxectos e convocatorias formativas, mesmo de forma voluntaria e sen certificacións horarias polo medio. Hai interese.
Con estas premisas deberiamos facer desta incorporación das tics á escola un elemento que implicase, mellor aínda, levase canda el, un xiro case copernicano na práctica educativa. Habería que chegar á modificación da metodoloxía a empregar. “Novas tecnoloxías” debería ser sinónimo de Nova Escola no sentido amplo do concepto, na que o alumnado é o motor da súa propia aprendizaxe. En palabras de Begoña Gros "la tecnología no logra integrarse en la escuela a menos que…. cambie la escuela".
Jordi Adell, a quen non hai que descubrir, neste vídeo que aquí deixamos, fala deste proceso con claridade aínda que desde unha posición que desde a nosa pequena experiencia, parécenos verdadeiramente optimista.



Si cremos, que son tres etapas as que a escola debe completar para facer rendible estas novas ferramentas desde unha óptica anovadora.
Inicialmente o manexo dos recursos debe ser eixo fundamental –debemos coñecer as súas posibilidades-- e aproveitar, ao tempo, a funcionalidade expositiva –presentacións, pdfs, emprego do encerado dixital,… --que as tics ofrece.
Unha segunda fase, na que xa superados os medos ao uso dunha ferramenta nova , empecemos a usar ferramentas de autor, o mesmo EDI, os innumerables recursos que ofrece a Web 2.0, para ir elaborando actividades interactivas nas que o alumno deixe a pasividade do ensino tradicional e pase a interactuar e mellorar así as súas capacidades.
Pero quedaría eivada a práctica tic, se quedásemos nese banzo. As novas tecnoloxías permiten ir un paso máis alá e deberían ser empregadas como ferramentas colaborativas e creativas coas que todos somos quen de producir, tratar e participar na elaboración dunha información, --blogs, wikis,..- e a súa posterior revisión ou comentario. Hai que ir pensando que chegados eses tempos, o profesorado teriamos que deixar de lado ese concepto escolástico de encher vasos que veñen baleiros? para provocar estouridos que significasen saltos cualitativos nos discentes; que o alumno ou alumna sexa parte activa da súa propia formación. Aí cremos está o reto desta incorporación do dixital ás aulas . Coa cantidade de recursos que temos ao noso dispor, co mundo exterior dentro da aula, deberíamos ser quen de formar verdadeiros cidadáns para a nova sociedade da información.
Quedar, como a veces ocorre, e o vídeo “¿Tecnologia ou metodologia?" parodia, nun cambio do libro de texto polo libro dixital cremos que non é a finalidade última desta incorporación.
Ás veces dá a impresión de que gastamos moitos esforzos na formación tecnolóxica –por suposto necesaria—e deixamos de lado o perfil metodolóxico que realmente sería o importante para facer posible ese "aprender facendo".
Debería chegar un momento no que entrar nunha aula dixital non implicase maior asombro que o que sentimos cando o facemos nunha clase co seu encerado tradicional, o xiz e a cara de aburrimento xeral do noso alumnado coa pregunta nos ollos de "que historia nos contará este hoxe?"

30 nov. 2011

Picnik. Traballamos unha fotografía

Subir unha fotografía ao blog

Sorpresa en EducaRed

Paga a pena ver esta escenificación dos grupos Ron Lalá e Primital Bros no Encontro Internacional EducaRed 2011 na que en última instancia reclaman a figura do profesor 2.0. Cando menos é divertido

13 nov. 2011

Para reflexionar

Se somos quen de sentar e ver este vídeo, quizás empecemos a entender todo isto das Novas Tecnoloxías e a Nova Escola.
O vídeo é longo pero non ten desperdicio.Aparte déixase ver ben e deixa ben ás claras que hai cousas que deberían cambiar desbotando moitos mitos previos que desvitúan iso que chamamos ensino.

Recortar unha imaxe

6 nov. 2011

A galiña asustada

Deixámosvos aquí este conto popular. É un exemplo da actividade que tes que facer unha vez rematada a lectura do libro desta avaliación.Se queres escoitalo preme aquí:


Unha vez era unha pita que estaba debaixo dunha pereira e caeulle unha pera na coroíña.Marchou onda o galo e díxolle:
—Marche de aí, don Galo, que cae o mundo a pedazos.
—Quen llo dixo, dona Galiña?
—Caeume a min na coroíña.
E marchou. Chegou onda a lebre e díxolle:
—Marche de aí, dona Lebre, que cae o mundo a pedazos.
—Quen llo dixo, dona Galiña?
—Caeume a min na coroíña.
Foi e chegou onda a raposa:
—Marche de aí, dona Raposa, que cae o mundo a pedazos.
—Quen llo dixo, dona Galiña?
—Caeume a min na coroíña.
—Se cae o mundo a pedazos, eu quero ir ben fartiña.
E papou a faladora galiña.

Contos populares da provincia de Lugo, ed. Galaxia

Unha vez rematada a lectura do libro da 1ª avaliación, deberás entrevistar a un familiar, veciño, veciña... para que che conte un conto popular galego no que un ou varios dos personaxes que interveñan sexa un animal.
Grava o conto, ou cópiao no teu caderno.
Despois terás que crear un audio e subilo ao blog "Novos e Vellos no Campo da Feira".
Para realizar a actividade contarás coa axuda do profesor.
Ollo!:
--Non serve un conto recollido dun libro.
--Ten que ser un conto popular galego
--Deberás indicar o nome da persoa que cho conta, a relación que tes con el. O nome da casa onde vive, o lugar e a parroquia